novas

Catrocentos equinos e un hipnotizador para Brión

A XXIX Festa do Cabalo volverá a Rañalonga o 17 e 18 con certame morfolóxico.

EL CORREO GALLEGO | 13/09/2011

Lembran a película o home que rumoreaba aos cabalos? Pois pouco tería que facer Redford contra Marcelino Chico Ramírez, autoridade mundial en doma e reputado mestre da comunicación cos equinos, que ofrecerá un número de hipnosis aos asistentes á XXIX Festa do Cabalo, a celebrar os días 17 e 18 deste mes nos montes de Rañalonga. A organización espera que alí se citen sobre 400 monturas cos seus xinetes.

A cita, organizada pola Asociación Festa do Cabalo de Brión, inclúe un espectáculo dunha hora durante o cal Chico Ramírez deixará pasmado ao auditorio coa súa capacidade para domar un equino salvaxe. Será o día 18 ás 18.00 horas, e para lograr o seu obxectivo, este enxeñeiro agrónomo utilizará unha disciplina que denomina Manexo natural do Cabalo, modalidade que combina a psicoloxía conductista e a etología (rama da Bioloxía que estuda o comportamento animal).

Pola súa banda, Manuel Fernández, un dos organizadores da cita, apuntaba a este diario que espera que ese fin de semana pasen polos montes de Rañalonga "varios milleiros de persoas", tentando bater a marca dunha cita que leva prolongándose desde o ano 1982.

A XXIX Festa do Cabalo arrincará o sábado 17 de setembro, ás 16 horas, cunha ruta cabalar pola zona, seguindo a canle do río Tambre. A esa hora dará comezo as probas de saltos de obstáculos en modalidades dun metro, Maxi-Mini, Seis varras e Salto de potencia. Ás 21 horas chegará unha das probas máis divertidas: a trepidante Carreira de burros, que dará paso a unha cea de confraternidade (para asistir os participantes terán que anotarse antes do 15 de setembro, e o prezo é de 20 euros).

O domingo 18 de setembro o programa arrinca ás 10 da mañá, coas probas do concurso morfológico, novidade deste décimo novena edición (todos os interesados poden anotarse entre as 09.00 e 10.00 horas na mesa da organización), ademais do disputado concurso de arrastre. Ao seu termino a partir das 14.00 horas, haberá tempo para gozar dunha animada comida campestre, con pulpería incluída no recinto da festa. E entre as dúas na tarde e as 17.00 horas terá lugar a Embretada de xovencas (recortes) e, para pechar esta edición 2011, a organización levará a Rañalonga unha exhibición de doma. Ás 18 horas, quenda para o mencionado espectáculo de hipnosis equina.

0 comentarios:

Publicar un comentario