novas

A Festa do Cabalo de Brión incluirá un espectáculo de hipnosis equina

LA VOZ DE GALICIA | 10/09/2010

A asociación brionesa que desde hai anos organiza a tradicional Festa do Cabalo, xa ten toda a programación lista para a cita deste ano, que se celebrará os días 17 e 18 deste mes.

Xa está confirmada a participación duns catrocentos equinos nas diferentes actividades do próximo fin de semana, uns días nos que unha das propostas das que se espera maior reclamo é a presenza de Mozo Ramírez, considerado un dos maiores expertos en técnicas de comunicación cos cabalos e unha das primeiras figuras do mundo na especialidade de doma ecuestre natural.

Segundo confirmou a organización da festa, Ramírez ofrecerá unha demostración do seu método de hipnosis, un espectáculo inédito en Galicia e no que a organización agarda numeroso público

Ademais, este experto ofrecerá durante un período próximo a unha hora un espectáculo de doma dun cabalo salvaxe mediante a súa particular técnica de achegamento ao animal. Segundo o hipnotizador equino, co seu método de traballo co cabalo conséguese que o animal colabore sen problemas coas tarefas que lle soliciten.

Ruta equina polo Tambre

Manuel Fernández, un dos responsables do colectivo organizador da Festa do Cabalo, confía en reunir a miles de persoas na área da Rañalonga, un espazo que desde o ano 1982 concentra a afeccionados do mundo equino. Fernández confirmou a participación duns catrocentos animais nas diferentes probas. Para o sábado está programada unha ruta cabalar polas ribeiras do Tambre que durará ao redor de tres horas e á que acudirán a metade dos cabalos anotados.

O prazo para apuntarse nalgunha das actividades do concurso morfológico aínda está aberto. De feito, o período de inscrición manterase até o mesmo domingo 18 entre as 9 e as 10 da mañá, coa principal obrigación de que tanto o cabalo como o xinete participante estean correctamente identificados.

A asociación conta co apoio do Concello e a Deputación para organizar todas as actividades.

0 comentarios:

Publicar un comentario