novas

A ruta por Rañalonga abre a Festa do Cabalo de Brión

EL CORREO GALLEGO | 17/09/2011

Douscentos xinetes participarán na cabalgada, que cambia de hora. O hipnotizador de equinos será mañá o protagonista. A tradicional ruta polos montes de Rañalonga, seguindo o curso do Tambre, abre esta tarde a XXIX Festa do Cabalo de Brión, que este ano ofrece como gran novidade, mañá domingo, a actuación do mexicano Marcelino Chico Ramírez, un especialista en hipnosis de equinos.

Na ruta, que se iniciará esta tarde, ás 16.00 horas, está prevista a asistencia de 200 xinetes procedentes de distintos puntos da comarca, sobre todo de Brión, Ames, Negreira e Noia.

A Asociación Festa do Cabalo de Brión, organizadora do evento en colaboración co Concello e a Deputación provincial, confía en repetir nesta edición o éxito de público alcanzado en 2010, ano no que se contabilizaron 7.000 visitantes á festa.

O cambio da hora da ruta, que até agora se celebraba pola mañá, débese a que "e a xente nos comentou que era ou momento que mellor lles viña, polo que esperamos ter unha afluencia maior ca noutros anos", segundo Manuel Fernández, portavoz da citada asociación.

Paralelamente á ruta, no recinto de Rañalonga celebraranse as probas de saltos de obstáculos nas distintas modalidades.

Xa mañá domingo, a partir das 18.00 horas, chegará a actuación de Chico Ramírez, un dos grandes mestres da comunicación cos cabalos que ofrecerá un espectáculo único en Galicia.

O concurso morfológico e a gastronomía completarán o programa.

0 comentarios:

Publicar un comentario