novas

A Feira do Cabalo de Brión reuniu a centos de participantes

A «embretada de xovencas» celebrouse malia as críticas dos antitaurinos


La Voz de Galicia |  20/09/2010

Os montes de Rañalonga, en Brión, volveron converterse onte no epicentro do mundo equino e atraeron a atención de centos de persoas que acudiron ao recinto para gozar das actividades enmarcadas na Feira do Cabalo, que cumpre este ano a súa vixésimo oitava edición. As máis seguidas foron, como en edicións anteriores, as probas de salto e as carreiras. Xunto ao público en xeral, máis de catrocentas persoas participaron directamente nas probas, que comezaron pola mañá e seguiron pola tarde.

A maior afluencia de participantes rexistrouse na tradicional ruta, que transcorreu pola mañá. Os xinetes concentráronse ás dez e media da mañá para percorrer a cabalo o leito do río Tambre, no monte de Rañalonga. Mentres uns gozaban do paseo, no recinto da Feira do Cabalo desenvolvéronse as probas de salto, arrastre, salto con potencia e carreiras, das que formaron parte preto dun centenar de participantes. Os gañadores destas probas levaron un total de catro mil euros, que foron entregados pouco antes de iniciarse o espectáculo «embretada de xovencas».

A polémica suscitada polas críticas verquidas dende o colectivo antitaurino Galicia, mellor sen touradas non tivo consecuencias finalmente. Rubén Pérez, voceiro do colectivo, confirmou unhas horas antes que non asistirían porque, «non queremos xerar problemas». Pero insistiu en que o espectáculo denominado «embretada de xovencas» está fóra de lugar. De feito, sinala que aínda que se asegura que ao animal non se lle toca, «sempre hai sufrimento, xa que ou animal non sabe ou que está a pasar. Pode que non sexa físico, pero se é psíquico».

Pola súa banda, o alcalde de Brión, José Luis García, lamentou as críticas e insistiu en que se trata dunha actividade moi habitual en América, Italia e Francia, na que uns xinetes «intentan, non sempre con éxito, que tres xovencas entren nun recinto máis pequeno». Este espectáculo, que se celebrou onte por vez primeira en Brión, non comezou ata case as oito da tarde cando finalizaron todas as probas e carreiras e tras entregarse os premios. Nel participaron xinetes de Porto do Son, Ribeira, Boiro, Dodro e Brión. Cada un dos xinetes tiñan unha cor, que coincidían co doutros tres tenreiros, aos que debían sacar dun cadrado máis grande cara a outro máis pequeno empregando para iso só a destreza.

Enlace á nova

0 comentarios:

Publicar un comentario