novas

Galicia sen Touradas denuncia a «embretada de xovencas» de Brión

Os organizadores do evento achacan esta actitude ao descoñecemento do funcionamento da proba


La Voz de Galicia | 18/09/2010

O colectivo antitaurino Galicia sen Touradas criticou a celebración da «embretada de xovencas», festexo que terá lugar na Festa do Cabalo de Brión, que se celebrará no monte brionés de Rañalonga este domingo 19. Os abolicionistas lamentan que o que debería ser un punto de encontro sexa «unha apoloxía ao vilipendio dos seres vivos como diversión». A organización antitaurina propón para futuras edicións outro tipo de actividades para todos os públicos, como concertos ou actuacións teatrais, «en vez de dedicar diñeiro público ao maltrato do animal».

O colectivo móstrase sorprendido co nome do espectáculo «embretada de xovencas» termo que consideran «inventado» e que, denuncian, «responde a un intento de protagonismo da casa do concello e no que se utilizarán bovinos que non superan os dous anos de idade. Recordan tamén que o ano pasado a Festa do Cabalo incluíu entre as súas actividades un partido de fútbol cunha vaquilla como atractivo, o que cualifican de «exemplo da falta de respecto cara aos animais que demostra o Concello brionés». «Dubidamos de que o animal non sufra, nun ámbito alleo, un espazo pechado e, sobre todo, sen saber que acontece ao seu arredor», denuncian.

Pola súa banda, dende a Asociación Festa do Cabalo de Brión insisten en que o seu obxectivo é «servir de punto de encontro para os amantes do cabalo», sen que en ningún momento busquen maltratar ningún animal. Atribúen a denuncia ao descoñecemento da proba, na que varios xinetes terán que ir encamiñando as xovencas dende un recinto a outro sen máis axuda que as súas habilidades sobre o cabalo. «Falar desta proba de habilidade e destreza do xinete como maltrato animal é como dicir que un pastor que emprega cans para guiar ou rabaño de ovellas tamén ás está a maltratar», aseguran.

Enlace á nova

0 comentarios:

Publicar un comentario